Lugo acolle estes días o Foro de Cidades Dixitais de Galicia

xoves, 26 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

O Concello de Lugo está a organizar estes días (até mañá venres 27) o segundo Foro de Cidades Dixitais de Galicia, encamiñado a achegar un espazo de intercambio de experiencias para os proxectos galegos locais vinculados á Sociedade da Información. Asemade, outro dos obxectivos é facilitar tamén o diálogo entre eses concellos que si que forman parte de iniciativas de desenvolvemento TIC (como por exemplo os que integran as ditas Cidades Dixitais) e os que non puideron aínda apostar por elas.
Na reunión, que se está a celebrar no Gran Hotel de Lugo e que tamén conta con representantes de experiencias locais de toda España, déronse a coñecer algúns datos de interese relacionados co proxecto Cidades Dixitais, do que (por certo) forman parte A Estrada, Vigo, Lugo e, tamén, As Pontes e Vilalba (Vilas Dixitais). Por exemplo, Ricardo Varela, conselleiro de Traballo, informou da cifra de investimentos destinados ó fomento das iniciativas tecnolóxicas innovadoras: 186 millóns de euros.
Cómpre sinalar que o programa Cidades Dixitais está promovido polo Ministerio de Industria, en colaboración coa Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta.
A iniciativa ten o seguinte gran obxectivo: promover a Sociedade do Coñecemento nun espazo local e integrando nunha mesma plataforma (a Rede) actividades e servizos como a e-administración, o comercio electrónico, o teletraballo, a teleformación ou a xestión xeral de emprego público.

PUBLICIDADE