Lugo Transforma mobilizará 12 millóns e atraerá empresas de tecnoloxía, loxística e aeronáutica

mércores, 30 de decembro do 2020 Redacción

O Concello de Lugo vai mobilizar en menos de 5 anos un total de 12 millóns de euros no impulso económico, na diversificación produtiva, na xeración de emprego e na atracción de empresas. Farao a través da Estratexia Lugo Transforma, lanzada polo Goberno lucense para, tamén, consolidar pemes que “xeren un alto impacto social e ambiental no municipio nun prazo menor de cinco anos”. Trátase, dixo este martes 29 de decembro a alcaldesa Lara Méndez, dunha “ferramenta propia moi poderosa na que se vai investir a maior contía da historia da cidade”.
Os proxectos nos que se traballarán deberán estar relacionados coas enerxías limpas, as tecnoloxía, a biotecnoloxía, a farmacia, os servizos avanzados á industria, os biocombustíbeis, a produción agroalimentaria sustentábel, a loxística intelixente e o sector espacial e aeronáutico, entre outros eidos innovadores de actividade.
A alcaldesa sinalou que “todos os proxectos deberán ser considerados innovadores”, é dicir, “que poidan demostrar que promoverán produtos, servizos ou procesos novos ou mellorados de xeito substancial, e que os seus custos de investigación e desenvolvemento representen un mínimo do 10% do total dos seus gastos de explotación”.
Lara Méndez destacou que o fondo emprendedor estará aberto á entrada de participación tanto pública como privada, ben en todo o fondo ou ben en calidade de co-investidores en proxectos concretos.

PUBLICIDADE