Luciano Vidán, socio de honra 2018 da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia

luns, 28 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

Luciano Vidán e Julio Sánchez Agrelo, presidente da AETG, na formalización dun acordo recente

Este 1 de xuño, no marco da Noite Galega das Telecomunicacións, o presidente do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, Luciano Vidán, recollerá o o galardón de Premio Socio de Honra 2018 que que entrega a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG). A 23 edición da Noite, na que haberá outros recoñecementos a entidades, empresas e profesionais destacados no progreso tecnolóxico da nosa terra (os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2018, dos que dimos conta os días pasados dende Código Cero), terá este ano o seguinte fío temático principal: a información a gran escala, o chamado Big Data.
Segundo informan o Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, COETG-AETG, a distinción a Vidán vén dada “polo pulo outorgado á entidade que dirixe en relación ao desenvolvemento de novas tecnoloxías que permiten mellorar e optimizar o traballo no eido sanitario”. Neste sentido, o Colexio de Médicos da Coruña, segundo constata o seu representante, aposta polo favorecemento do uso das novas Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) na profesión médica co obxecto de que o seu emprego redunde “nunha mellor praxe e nunha mellor atención sanitaria aos cidadáns”. Sen ir máis lonxe, o Colexio uniu forzas os días pasados co COETG-AETG para impulsar unha aplicación móbil médica que axude aos facultativos en labores administrativos, a estaren máis e mellor informados e formados e, tamén, a contaren con meirandes posibilidades de exercer en contornas seguras (grazas ao botón de agresións que inclúe a ferramenta móbil).
Como dixemos, homenaxeado recollerá o galardón o vindeiro 1 de xuño en Vigo, no marco da celebración da vixésimo terceira edición da Noite Galega das Telecomunicacións 2018, á que está prevista a asistencia de multitude de empresas TIC e representantes das entidades relacionadas co sector.

PUBLICIDADE