Lucía Gregorio (Ineo) amosará nun curso as oportunidades de negocio ligadas á UE

martes, 15 de marzo do 2016 Redacción

A asociación Ineo, plataforma galega de empresas TIC, está a organizar un curso de gran interese para as nosas compañías e profesionais que queiran tirar partido dos incentivos e recursos para a innovación e o crecemento procedentes da nosa contorna internacional máis inmediata. A actividade Oportunidades de negocio existentes asociadas á Unión Europea celebrarase o vindeiro 5 de abril, en horario de mañá (de 9.00 a 14.15 horas). A encarga de impartir os contidos será a directora xeral de Ineo, Lucía Gregorio, experta externa no Programa COSME da Unión Europea e, tamén, especialista en adestramento para PEME.
De feito Lucía Gregorio desempeña a día de hoxe o cargo de coach na Executive Agency for Small and Medium-sized Enterprises (EASME). O curso terá cinco horas de duración.
A acción formativa, en palabras de Ineo, será especialmente útil para as empresas, xa que as axudará a xerar negocio e a coñecer de primeira man as mellores canles e metodoloxías para acceder aos fondos da Unión Europea máis alá do seu programa de axudas. De feito, sinala a asociación, este programa non é de certo o único vieiro para conseguir retornos no ámbito europeo. O custe da actividade para socios de Ineo é de 50 euros, sendo de 75 para socios convidados e de 100 para non socios.

PUBLICIDADE