Lorenzana visita en Ferrol o campamento científico do CIS Galicia, no que participan uns 40 rapaces

mércores, 27 de decembro do 2023 S. P.

A conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, visitou este 27 de decembro en Ferrol o campamento científico-tecnolóxico D’Tec, que desenvolve a súa terceira edición durante esta semana no CIS Tecnoloxía e Deseño coa participación de preto de 40 estudantes de educación secundaria obrigatoria (ESO) de toda a comarca.
Durante a visita, Lorenzana incidiu “na importancia de promover o interese e a vocación dos rapaces e as rapazas pola ciencia e a tecnoloxía, subliñando que a través desta iniciativa se contribúe tamén á conciliación familiar”. A conselleira destacou que están a participar no campamento practicamente o mesmo número de rapaces que de rapazas, “co cal é un xeito máis de tratar de crear novas vocacións nas carreiras STEM” (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas, polas súas siglas en inglés), un traballo “que ten que empezar desde a escola e desde os primeiros anos de formación”.
Este campamento científico forma parte do programa D’Tec, no marco do cal o CIS Tecnoloxía e Deseño pon en marcha distintas actividades como espectáculos, obradoiros, proxectos para as aulas e campamentos para poñer en valor a importancia da innovación, a ciencia e a tecnoloxía como unha das claves para o desenvolvemento de Galicia.
Este mesmo venres, 29 de decembro, está prevista a segunda sesión de cine e espectáculo científico organizada este Nadal, na que se proxectará a película de animación Robots. A data límite de inscrición para esta actividade é mañá, 27 de decembro.

PUBLICIDADE