Logo do seu paso por Compostela, Madrid será a vindeira parada de Política2.cero

luns, 23 de xaneiro do 2012 Raquel Noya

Dende sempre, os políticos e gobernantes buscaron a maneira de estar en contacto cos seus votantes (pola conta que lles tiña), para escoitar as súas queixas e adaptar os seus programas electorais ás demandas populares.
Agora, coa chegada da actual web 2.0, a Rede ábrelle un amplo abano de posibilidades a todos os que desexan estar en contacto directo coa cidadanía e coñecer de primeira man as súas necesidades e opinións, porén non todos os usuarios saben como sacarlle o máximo partido e aproveitar as súas vantaxes ao cen por cen.
Aquí no noso país, concretamente en Santiago de Compostela, tivo lugar en setembro unha xornada sobre Política2.cero, un evento no que se deron conta das tendencias en comunicación política en Internet para achegarllas aos políticos interesados.
Agora, dado o éxito acadado na capital galega, o evento trasládase a Madrid, onde terá lugar con formato renovado e con novos relatores de recoñecido prestixio.
A Xornada Política2.cero celebrarase o vindeiro día 15 de febreiro, e a ela acudirán un bo número de profesionais en marketing e comunicación a compartir un espazo de debate especializado en política.
Máis polo miúdo, o evento mostrará o último sobre comunicación política na Rede, e afondará nas tendencias que marcarán a relación entre a cidadanía, os líderes políticos e as institucións gobernantes nos vindeiros anos.
Entre os nomes convidados pola organización destacan o de Antoni Gutiérrez-Rubí, moderador da twitterentrevista a un dos candidatos das últimas eleccións xerais; Esther Checa, directora SEO&SMO en T2Omedia; Elisa de la Nuez, fundadora de entidades como Red.es ou Fundetec e Nacho Campos, especialista en m-Government e fundador de Avina, que falará sobre o papel da tecnoloxía como ferramenta nos movementos sociais.
Estes e outros relatores convidados falarán perante as persoas asistentes sobre a democracia en Internet, o emprego do móbil como ferramenta de marketing político ou outros temas de interese como o contacto cos votantes a través das redes sociais.
Para concluír, tamén se debaterá sobre o futuro da comunicación en liña dos partidos, para o que se contará con asesores en comunicación online e responsables de distintas corporacións políticas.
O programa péchase cunha presentación de proxectos vinculados á comunicación en Internet, aberto a tódalas persoas asistentes, previa inscrición.

PUBLICIDADE