Logitek comeza en Santiago unha xira de seminarios tecnolóxicos

luns, 20 de febreiro do 2012 Redacción

Santiago acollerá o vindeiro 22 de febreiro o primeiro dos seminarios incluídos no Roadshow Profibus/Profinet, que servirán, entre outras cousas, para achegar luz respecto a novos métodos para mellorarmos na nosa empresa a eficacia enerxética, a seguridade nos datos e máis a produtividade. A sesión, que como toda a xira diríxese sobre todo ao sector da automatización industrial, representa a primeira escala dun itinerario que abranguerá cidades como Sevilla, Madrid, Oviedo, Bilbo, Barcelona ou Zaragoza. A cita compostelá, que será de balde, desenvolverase a partir das 9.30 horas no Hotel NH Obradoiro.
Na organización atópase a Asociación Española Profibus/Profinet e máis o Centro de Competencias de Logitek, que, segundo anuncian un comunicado, tirarán proveito da xornada para dar a coñecer cuestións concretas como o estándar de automatización da dita asociación, “o bus de campo coa meirande implementación no mundo”. Amais desta tecnoloxía, falarase polo miúdo da seguridade das redes ou dos mellores métodos para detectar fallos nos sistemas informáticos aplicados na automatización. As sesións serán sobre todo prácticas e están enfocadas a axudar aos asistentes a incrementar a súa capacidade xestión e control, amais da súa produtividade, a través do dito protocolo de comunicación.

PUBLICIDADE