LinkedIn desactiva os contrasinais filtrados de máis de 6 millóns das súas contas

venres, 8 de xuño do 2012 Marcus Fernández

Esta semana o roubo de contrasinais de servizos en liña está de máxima actualidade, e confirmouse que conseguiron facerse con contrasinais dun grupo reducido de usuarios de eHarmony, Last.fm recomenda mudar de contrasinal despois dunha filtración e dende LinkedIn recoñecen que os informes que apuntan ao roubo de 6.458.020 millóns de contrasinais dos seus usuarios é certo. Pero neste último caso LinkedIn non está a limitarse a informar, senón que para evitar problemas maiores, veñen de anular todos os contrasinais que do seu servizo que se filtraron á Rede, de xeito que os usuarios deberán pór un contrasinal novo, para o que recibirán instrucións por correo electrónico en mensaxes nas que non será preciso premer en ningunha ligazón (para evitar que sexan replicadas en prácticas de phishing).
Por fortuna, estas noticias contribúen a que se tomen novas medidas de seguridade, aínda que, como en anteriores ocasións, recoméndase seguir certas normas á hora de elixir contrasinais, pois cómpre lembrar que os datos que se filtran están encriptados, de xeito que normalmente lánzanse ataques de dicionario contra tal información, de xeito que os usuarios que empregan palabras, nomes ou números son moi susceptibles de ter as súas contas comprometidas no futuro.

PUBLICIDADE