Life with PlayStation xa permite consultar o estado do tempo e as novas do día dende a PS3

xoves, 18 de setembro do 2008 Marcus Fernández

O furacán Ike visto dende o novo servizo para a PS3

Os usuarios da PlayStation 3 xa poden acceder de balde a Life with PlayStation, un novo servizo que achega ás consolas información meteorolóxica e imaxes tomadas por cámaras web de 60 cidades de todo o mundo a través dunha atractiva interface na que se pode ver o globo terráqueo en 3D, sobre o que se proxecta a posición das nubes en cada momento. Podemos movernos ata o punto xeográfico que desexemos e, dende alí, consultar a información meteorolóxica do Weather Channel, así coma titulares de actualidade de Google News e imaxes do sistema Earth Television Network.
Esta nova incorporación á PS3 busca ser o punto de partida dos usuarios da consola de Sony, pois lles permite consultar o tempo e as últimas novas, resultando de especialmente interese para seguir o movemento de tormentas ou de fenómenos coma o furacán Ike.
Life with PlayStation tamén pode funcionar en paralelo co proxecto Folding@home, que aproveita a potencia de cálculo da consola para axudar á Universidade de Stanford nas súas investigacións para atopar unha cura para o Alzheimer.


Demostración das características de Life with PlayStation

PUBLICIDADE