Libros electrónicos máis caros que impresos en papel?

martes, 5 de outubro do 2010 Raquel Noya

Cantas veces non temos mercado un peza de roupa que co paso duns meses atopamos na tenda a metade de prezo e incluso tres ou catro veces máis barata que cando a adquirimos?, e cantos non temos mercado algún teléfono móbil ou dispositivo electrónico a prezo de ouro que en menos de dúas semanas xa tiña un sucesor moito máis atractivo e con mellor relación calidade-prezo facendo que nos quedara cara de parvos de maneira permanente?
Pois ben, algo semellante está a ocorrer agora mesmo cos libros electrónicos, que custan máis que os seus homólogos impresos en papel, malia que estes últimos conlevan moitos máis custes de fabricación e distribución.
Aos consumidores deste tipo de tecnoloxía quédalles cara de debuxo animado ao ver que, por poñer un exemplo, A caída dos xigantes, a última novela de Ken Follet, custa en Amazon.com 19,39 dólares na súa versión impresa mentres que o mesmo libro en versión electrónica para Kindle ten un prezo de 19,99 dólares.
Ante esta realidade, tal e como afirman en Portaltic.es, “é imposible preguntarse como pode ser máis cara a versión dixital cando permite aforrar cuantiosos custes”.
A explicación, segundo o mesmo medio, é que “as editoriais teñen liberdade para fixar os prezos na tenda en liña, mentres que para a versión impresa segue a ser Amazon o encargado de fixar a contía pola que se serán vendidos”.
Xa que logo, os consumidores afirman sentirse enganados ao ver que, segundo recolle o devandito medio en liña, están “acostumados” a pagar un máximo de 9,99 dólares por cada libro para Kindle, e non os preto de 20 dólares que lles esixen últimamente por algún exemplar electrónico.
Agora ben, como ben asegura o autor da nova, malia que moitos consumidores se queixaron destes prezos, “tamén é certo que a moitos outros non pareceu importarlles, xa que, por exemplo, a novela de Follet para Kindle leva oito días nos primeiros postos da lista dos máis vendidos”.

PUBLICIDADE