Libro de Pedra achéganos virtualmente a Compostela e á súa catedral

martes, 1 de febreiro do 2011 Redacción

Libro de Pedra Permítenos visitar virtualmente a Catedral de Santiago

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presentou esta mañá o paquete de aplicacións e contidos para a musealización virtual da Catedral de Santiago e dos lugares e monumentos que configuran o espazo xacobeo, iniciativa promovida pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral para o Turismo, e desenvolvida polos equipos de Ilux Visual Technologies e o Grupo de Visualización Avanzada VideaLAB da Universidade da Coruña a través da Fundación da Enxeñería Civil de Galicia. O acto contou ademais coa participación da secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, e o deán da Catedral de Santiago, José María Díaz.
O proxecto Libro de Pedra consiste nun paseo virtual pola Catedral e a cidade de Santiago e se enmarca no proxecto europeo LOCI IACOBI. Lugares de Santiago, Lieux de Saint Jacques de revitalización do Camiño en Galicia, Francia e Portugal. O conselleiro de Cultura e Turismo cualificou este proxecto como «unha iniciativa que xunta pasado e futuro nun mesmo espazo virtual coas máis modernas ferramentas, unindo a aposta polas novas tecnoloxías e os símbolos máximos da riqueza patrimonial do noso país».

A nova ferramenta permite visitar moitos enclaves representativos da cidade de Santiago de Compostela mediante un sistema de visualización en 360º

Libro de Pedra achéganos a posibilidade «de contemplar a Catedral de Santiago e a cidade vella de Compostela dunha forma ben distinta e con maior precisión que nunca, porque pódese ler ata o máis mínimo detalle as pedras que conforman Santiago» segundo comentou Roberto Varela, quen engadiu que a importancia deste feito «no ano no que celebramos o Octavo Centenario da consagración da Catedral que, sen dúbida, volverá a ser centro universal das miradas neste 2011».
Respecto ao proxecto europeo LOCI IACOBI, o conselleiro de Cultura e Turismo asegurou que responde á «experiencia común da construción histórica do Camiño de Santiago» e destacou a importancia «dos veciños Francia e Portugal como pobos máis unidos por historia, xeografía e tradición aos Camiños que conducen a Compostela». Tamén destacou que a través da iniciativa LOCI IACOBI «renóvanse estes vínculos xacobeos mediante a investigación, a promoción e a dinamización turística do Camiño de Santiago».

O Museo da Catedral tamén pode visitarse virtualmente grazas a esta nova ferramenta


O conselleiro de Turismo presentando Libro de Pedra

PUBLICIDADE