Librebit comeza curso achegando un innovador servizo de mantemento para centros educativos

luns, 7 de setembro do 2015 Redacción

A empresa galega Librebit, centrada en recursos de software libre, anunciou que comezará este novo curso académico cun servizo de mantemento de computadores de baixo custe (3 euros por equipo ao mes) que permite aos centros escolares, entre outras cousas, rendibilizar o tempo de cada clase (os profesores adican máis tempo ao seu labor docente e esquecen as cuestións informáticas), mellorar as condicións de navegación en Internet e optimizar a aprendizaxe en liña (bloquéanse as webs non recomendábeis para o ensino).
O servizo chámase Control Suprimir e xa foi collendo corpo o ano pasado, cuns obxectivos ben definidos: ceibar de horas de instalación e configuración do parque informático ao profesorado dos centros. Segundo informa Librebit, cada ano que pasa “aumenta nas escolas a necesidade de xestionar eficazmente o TIC e ofrecer un servizo rápido de resolución de incidencias”.
Respecto ao labor de mantemento a realizar, este consiste en instalar, configurar e xestionar todos os computadores que teña o centro diferenciando entre alumnado, profesorado e PAS. Como dixemos, grazas a Control Suprimir é posíbel mellorar a velocidade de navegación por Internet naqueles lugares cunha conexión lenta de ADSL ou mesmo bloquear páxinas non desexadas durante as horas de clase que requiran de moita velocidade como YouTube ou Vimeo.

PUBLICIDADE