Librebit, certificada por LibreOffice como firma experta en migración ofimática

mércores, 2 de setembro do 2015 Redacción

The Document Foundation, responsábel do impulso e desenvolvemento de LibreOffice (suite ofimática aberta independente) certificou á firma galega Librebit como empresa especializada na realización de migracións profesionais ao devandito paquete libre de ferramentas ofimáticas. Esta acreditación, informa a empresa con sede en Vigo, confire a Librebit o acceso a recursos da fundación para executar proxectos de adaptación dende Microsoft Office a LibreOffice, con soporte dos desenvolvedores, equipo de mantemento de calidade (QA, Quality Assurance) ou formación.
Librebit engade que este “fito foi posíbel despois de ter pasado por un rigoroso proceso de certificación con detalle de proxectos anteriores xa desenvolvidos ou en curso e máis entrevistas persoais”.
A firma galega tamén recorda que arestora está apoiando e dando soporte técnico á Xunta de Galicia no proceso de migración á devandita plataforma ofimática libre en máis de 16.000 equipos do ámbito dos empregados públicos. Este complexo proxecto, engade Librebit, realízase a través de AGASOL, a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre e foi posto en marcha en 2013 coa elaboración dunha folla de ruta na que se especificaron as liñas a seguir nos traballos de adaptación ao software libre (baseadas no protocolo de migración da fundación para despregues a gran escala).

PUBLICIDADE