Libon pon en xogo unha tecnoloxía para facilitarnos a mensaxería entre diferentes servizos

xoves, 20 de febreiro do 2014 Fernando Sarasketa

Temos nova tecnoloxía para ampliar e simplificar a nosa comunicación con mensaxes a través do móbil. Trátase dunha achega que vén da man de Libon (Orange) e xa se coñece como Open Chat. A cousa ten o seu aquel porque achega compatibilidade e converxencia entre tantos servizos dispoñíbeis, ás veces un ensarillado para os usuarios que queren enviar unha mensaxe a outros usuarios adheridos a un servizo alleo. De feito, a tecnoloxía da que imos falar de seguido está aberta a calquera servizo de mensaxería que empreguemos. Ou sexa, que fornece un pouco de espírito de coñecemento libre para pór algo de orde entre tanta enleada de ferramentas.
Como dixemos, a tecnoloxía vén da man de Libon, a aplicación integral e unificada de Orange. O recurso Open Chat é unha innovación na súa oferta de mensaxería que xa está dispoñíbel para dispositivos iOS (e en breve para Android) e que nos permitir chatear cos nosos contactos sen importar o servizo de mensaxería que estean a empregar. Isto inclúe mensaxes de texto pero tamén audios, fotos e vídeos. Para Orange, “Open Chat é precisamente o que estaban a agardar aqueles que xa están cansos de ter que utilizar diferentes aplicacións de mensaxería para atender as súas comunicacións cos seus contactos”. E explica a operadora, referíndose ao requirimento esixido: “A condición de que o contacto teña un móbil ou tablet con navegador HTML5, Libon poderá compartir un chat con esa persoa - mesmo a través dun computador”. Para os responsábeis do servizo de Orange, de superarmos o devandito atranco, estaremos sen dúbida ante a revolución da mensaxería instantánea no que se refire á súa sinxeleza de uso.

PUBLICIDADE