Liberado o código do software DESOURB, destinado a optimizar a xestión territorial sostíbel

venres, 6 de marzo do 2015 Redacción

A AMTEGA e o IET (Instituto de Estudos do Territorio) veñen de liberar o código do proxecto DESOURB (Desenvolvemento Sostible Urbano), unha ferramenta informática que ten como obxectivo permitir a xestión sustentábel dun territorio, amais de tarefas de análise, diagnóstico e seguimento, todo baixo o mesmo nexo común da sostibilidade. En virtude da dita liberación, o software fica accesíbel para a comunidade internauta no Repositorio de Software Libre da Xunta, onde se pode atopar o código fonte completo da aplicación e súa documentación. A idea é contribuír ás segundas e terceiras vidas da ferramenta, e tamén ao seu enriquecemento con novas achegas e experiencias de adaptación a contornas variadas.
Segundo fan saber AMTEGA e o IET, ter ceibado o código de DESOURB “supón a posta a disposición dos cidadáns dunha plataforma moi potente para a xestión do territorio, que pode ser empregada polos concellos, mancomunidades ou calquera administración ou entidade de xeito gratuíto”.
Como dixemos, o proxecto DESOURB foi posto en marcha coa finalidade de definir un modelo innovador de planificación e xestión territorial baseado en indicadores. A iniciativa, desenvolvida polo Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia, xunto co Eixo Atlántico do Noroeste peninsular a través de Eixoecologia (Axencia de Ecoloxía Urbana do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular), está financiada con fondos europeos do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP). Ao abeiro do proxecto deuse forma á devandita ferramenta, presentada como unha plataforma informática en web. Entre outras cousas, posibilita a captura e achega de datos en soporte alfanumérico ou xeográfico, a creación de diagnósticos ou o seguimento das actividades. Tamén permite o cálculo automático de indicadores, “dende os que comprenden cálculos máis sinxelos, como os máis complexos que requiren operacións con datos xeográficos”, sinala AMTEGA.

PUBLICIDADE