Lexnet bota a andar nos xulgados de instrución da cidade de Ourense

martes, 11 de setembro do 2012 Redacción

A Xunta iniciou esta semana nos seis xulgados de instrución de Ourense a implantación dos sistema Lexnet, unha plataforma de intercambio seguro de información entre os axentes do ámbito xudicial, que permite as notificacións de xeito telemático, a presentación de escritos e demandas utilizando a sinatura dixital.
A aplicación facilita o intercambio da documentación xudicial en soporte electrónico a través da identificación dixital e a sinatura electrónica dos profesionais ademais de reducir os tempos de tramitación e resposta, os custes e contribuíndo á eliminación da notificación en papel. No que levamos de 2012 realizáronse 1.395.000, o dobre que no mesmo período de 2011.
A aplicación Lexnet xa está operativa en 225 órganos xudiciais da Comunidade e o proceso de implantación estivo acompañado dun programa formativo para os colectivos profesionais que empregan este sistema: corpo de funcionarios de xestión procesual, procuradores, avogados do Estado e da Axencia Tributaria.
A implantación de Lexnet está a permitir unha redución das operacións de envío de notificacións, escritos ou copias de escritos así como dos desprazamentos. Ademais Lexnet garante a máxima fiabilidade na comunicación, ao facilitar aos usuarios un certificado do momento do envío don selado de data e tempo e ofrece todas as garantías de seguridade ao tratarse de redes pechadas con control de acceso e identificación de usuarios.
O acceso a Lexnet realízase mediante un certificado dixital que permite a autentificación do usuario. O soporte físico do certificado dixital é unha tarxeta criptográfica distribuída pola Xunta de Galicia que ofrece máis seguridade que a súa instalación en cada PC. Ao introducir a tarxeta no PC o empregado accede a Lexnet identificándose como usuario autorizado do sistema e pode proceder ao proceso do envío que asinará dixitalmente.

PUBLICIDADE