Layar lanza a primeira tenda de contidos de realidade aumentada

xoves, 29 de abril do 2010 Marcus Fernández

A aplicación de realidade aumentada máis popular do mercado é sen dúbida Layar, que permite aproveitar as imaxes captadas pola cámara de móbiles coma o iPhone 3GS ou os terminais con Android para presentar información sobre as mesmas baseándose na posición do trebello e a súa orientación. As capas de información superposta son de grande utilidade, e finalmente dende Layar decidiron capitalizalas, chegando a un acordo con PayPal para ofrecer adquisicións directamente dende Layar para usuarios en EE.UU., Reino Unido, Canadá e Australia (incorporarán máis países en breve) de xeito que ábrese unha nova canle para facer negocios.
Dado que Layar conta con 1,6 millóns de usuarios en todo o mundo, o feito de que sexa posible vender capas pode resultar de grande atractivo, aínda que os editores das mesmas quedarán só co 60% dos ingresos, de xeito que o 40% do prezo das capas irá destinado a soster a plataforma. Os móbiles con Android xa poden acceder a estas novas oportunidades coa última versión de Layar, mentres que para o iPhone haberá que agardar a unha revisión da aplicación que permita esta nova posibilidade que permite facer cartos coa realidade aumentada.

PUBLICIDADE