Las Acacias BOT imponse na First LEGO League Galicia

luns, 18 de febreiro do 2019 Redacción

Finalmente celebrouse este sábado en Ferrol a First LEGO League Galicia, a edición galega da competición internacional do mesmo nome e que se celebra por quinto ano consecutivo da man do Campus de Ferrol e, máis en detalle, do profesor José Antonio Becerra Permuy. Na proba, que é o torneo clasificatorio da liga mundial de LEGO promovido pola UDC e a Fundación Scientia, participaron máis de 300 estudantes, o que supuxo un novo récord en materia de implicación do noso alumnado. Impúxose finalmente o equipo do colexio de Fomento Las Acacias de Vigo, Las Acacias BOT.
Máis en detalle, o equipo vigués obtivo o Premio Fundación Scientia, que lle dá o pase ao torneo estatal que terá lugar en Tenerife os días 23 e 24 de marzo. Xunto co equipo vigués irá, como segundo clasificado, o equipo Emotional Tricks, do CPI A Xunqueira de Fene.
Nesta edición, participaron un total de 37 equipos e preto de 300 mozos e mozas de Galicia e Asturias. Ademais destes dous equipos que pasan á competición nacional, na mañá do sábado resultaron galardoados os seguintes equipos:
· Primeiro Premio Airbus ao Proxecto Científico: Xunquinautas, do CPI A Xunqueira de Fene.
· Segundo Premio Gabadi ao Proxecto Científico: Anonymous Bot, do IES Fene.
· Primeiro Premio Deputación da Coruña ao Comportamento do Robot: Montecastelo Little Bot, do Colexio de Fomento Montecastelo de Vigo.
· Primeiro Premio Concello de Ferrol aos Valores First LEGO League: Mega Space Team, de Mega Ribeira, de Ribeira.
· Segundo Premio aos Valores First LEGO League: Casanovasquad, do Club de Ciencia do IES Sofía Casanova, de Ferrol.
· Primeiro Premio Santander Innovación ao Deseño do Robot: Montecastelo Little Bot, do Colexio de Fomento Montecastelo, de Vigo.
· Segundo Premio ao Deseño do Robot: Green Galactics, do Colexio de Fomento Peñarredonda, da Coruña.
· Premio Fundación Princesa de Girona ao Emprendemento: Frouximakers, do CPI de Atios, de Valdoviño.
· Premio LEGO Education ROBOTIX ás novas promesas: Palacio de Granda, do Colexio ISP Laude Palacio de Granda, Siero, Asturias.
O xurado ademais propuxo ao equipo Las Acacias Bot, do colexio de Fomento Las Acacias de Vigo, para un dos catro premios Global Innovation que entrega a First LEGO League España.
O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, presidiu a entrega de premios e no seu discurso avogou polo empoderamento das mulleres na ciencia e a tecnoloxía. “ A tecnoloxía tamén é para as mozas e anímovos a que eses campos tamén sexan femininos”, declarou. “É unha alegría ver tantos nenas e nenas traballando en robótica e ciencia, anímovos a que sigades esa vocación e vos apuntedes en estudos da rama científica e tecnolóxica”, concluíu o reitor.
Colaboran nesta edición Santander Universidades, a Deputación Provincial da Coruña e mais o Concello de Ferrol. Ademais, patrocinan a FLL Galicia a empresa Gabadi SL, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), GADIS, R, Error Ferrol!, PuntoGal, Neodyn, TodoOcio e Lidl.
Detalles da competición
A competición First LEGO League consta de varias demostracións. Os participantes teñen que presentar un proxecto científico que nesta edición xira arredor da temática do espazo co desafío #INTOORBIT, ademais de deseñar, construír e programar un robot que ten que superar unha serie de retos. Na terceira proba, os alumnos deberán demostrar unha serie de valores de equipo. Os equipos, de entre dous e dez membros, están formados por estudantes de 10 a 16 anos.
A First LEGO League ten unha edición Junior, non competitiva, dirixido a nenos e nenas de 6 a 9 anos. Por equipos, de entre 2 a 6 participantes, os máis pequenos deseñan e constrúen unha maqueta con pezas LEGO e preparan un póster ilustrativo do seu traballo.

PUBLICIDADE