Lara Méndez renova e habilita novas antenas Wi-Fi para achegar acceso a Internet de balde á cidadanía

xoves, 3 de novembro do 2022 S. P.

A alcaldesa Lara Méndez nunha imaxe de arquivo

O Concello de Lugo anunciou importantes mellores en conectividade ao servizo da cidadanía. Segundo fixo saber a alcaldesa Lara Méndez, estanse a instalar novas antenas Wi-Fi e renovándose as xa existentes en prazas e edificios municipais “para facilitar o acceso de balde a Internet”. Nos vindeiros días finalizará a instalación de novos equipamentos en dez prazas da cidade con moita afluencia de xente a diario, xente nova e tamén persoas maiores.
Así o informou a rexedora local, quen subliñou que “vimos de aprobar a licitación do proceso, por un importe de 130.792,93 euros, de maneira que avanzamos na procura dunha cidade máis moderna e conectada, proporcionando acceso sen fíos e gratuíto a internet nos principais espazos da vida pública”.
Esta renovación farase con cargo aos fondos do programa de axudas a municipios do Ministerio de Política Territorial para a Transformación Dixital e Modernización das Entidades Locais, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia dos fondos europeos Next Generation. “Ademais da substitución de antigas antenas, o contrato licitado contempla a instalación de novos puntos de acceso á rede no novo Centro Social de Lamas de Prado; o edificio Paco Marín; o edificio Impulso Verde; o CEI-Nodus; e a Piscina das Pedreiras”, explicou Lara Méndez.
Por outra banda, a alcaldesa informou que “a vindeira semana está previsto que finalice, así mesmo, a instalación das antenas Wi-Fi do programa Wifi4EU”. Este programa europeo, para o que Lugo resultou seleccionado, ofrece un financiamento de 15.000 euros aos municipios para habilitar puntos de acceso sen fíos á Rede, co obxectivo de promover a conectividade Wi-Fi para os cidadáns e transeúntes en espazos públicos de toda Europa.
A través desta convocatoria, o Executivo municipal instalou antenas en dez localizacións: praza da Milagrosa; praza Agro do Rolo; praza de Augas Férreas; praza Maior; Casa da Xuventude; praza do Castiñeiro; praza Viana do Castelo; praza do Campo Castelo; Centro de Servizos Municipais; e na praza Horta do Seminario. O orzamento total foi de 36.193,51 euros dos cales 15.000€ están financiados pola Comisión Europea.
Conexión Wi-Fi gratuíta nos centros municipais
Na actualidade o Concello dispón de puntos Wi-Fi instalados en numerosas dependencias municipais entre as que se atopan as seguintes: Centro de Servizos Municipais; Casa do Concello; Policía Local; Parque de Bombeiros; Pazo Municipal dos Deportes; Centro de Convivencia da Milagrosa; Centro de Convivencia de Fingoi; Local Social Díaz Castro; Centro de Convivencia Maruja Mallo; Centro de Convivencia Sagrado Corazón; Centro de Convivencia Uxío Novoneyra; Auditorio Municipal Gustavo Freire; Centro Cultural Vello Cárcere; Casa do Deporte; Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL); Mercado Municipal Quiroga Ballesteros; Casa da Xuventude; Nave de asociacións; Biblioteca Municipal Isidro Novo; Piscina Municipal As Pedreiras; Complexo deportivo As Pedreiras; Casa das Asociacións María Mariño.

PUBLICIDADE