Lanzan un proxy para evitar o bloqueo de milleiros de blogs en Turquía

mércores, 19 de setembro do 2007 Marcus Fernández

Os responsables de Wordprexy.com fan campaña contra o bloqueo de blogs en Turquía

Nas pasadas horas xurdiu unha alarma en moitas páxinas web por considerar que aparecera unha páxina web que clonara os contidos completos de Wordpress.com (servidor onde se hospedan milleiros de blogs) pero finalmente se descubriu que o dominio Wordprexy.com en realidade é un proxy para permitir a consulta ós contidos de Wordpress.com dende Turquía, país no que se bloqueara o acceso a tal dominio.
Con esta medida preténdese evitar a censura gobernamental, aínda que os responsables desta iniciativa, vendo o rebumbio causado, permiten que calquera que teña unha web en Wordpress poida contactar con eles para retirar o seus espazo do proxy.
Tamén advirten que non agardaban que algunhas buscas en Google amosasen antes nos seus resultados os contidos do proxy que do servidor orixinal. Engaden que os contidos cacheados inclúen publicidade porque precisan financiamento para pagar os custos do largo de banda preciso para redistribuír os contidos do servidor norteamericano para os usuarios turcos.

PUBLICIDADE