Lanzada dende a USC unha nova edición do concurso para encher as redes de vídeos en galego sobre matemáticas

martes, 2 de febreiro do 2021 Redacción

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC impulsou unha nova edición dun certame para promover o uso do galego como medio de transmisión das matemáticas. A fórmula empregada será estimular a creatividade do alumnado enchendo as redes sociais de audiovisuais sobre a devandita temática feitos pola comunidade de estudantes. Estamos a falar do concurso Explícoche Matemáticas 2.0, que chega á súa novena edición.
O obxecto deste concurso consiste na elaboración de vídeos nos que se aborde un tema relacionado coas matemáticas, ben desde un punto de vista formal (definición dun concepto, un teorema, idea intuitiva e/ou aplicación), ou ben, cun carácter divulgador, reflectindo como se utilizan as matemáticas na vida cotiá, na cultura, na arte ou na sociedade.
As pezas deben ter unha duración de entre 1.30 e 2.30 minutos e vir elaboradas en galego, alén de poder utilizar calquera recurso multimedia, audiovisual ou artístico. O prazo para presentar os vídeos remata o 26 de marzo de 2021.
O certame está aberto á participación de alumnado das universidades públicas de todo o Estado español de todas as titulacións de grao, mestrado e doutoramento, así como alumnado de 3º e 4º da ESO e de bacharelato dos centros de educación secundaria de Galicia e comunidades limítrofes en grupos cun máximo de tres estudantes dirixidos por un profesor ou profesora. Os e as concursantes deberán subir os vídeos a unha canle de Youtube e achegar o URL do vídeo, os datos de contacto, informe e autorizacións ao enderezo electrónico zmatdeca@usc.gal.

PUBLICIDADE