Láncara acolle o día 23 unha xuntanza para impulsar o desenvolvemento de maquinaria agrícola libre

mércores, 14 de outubro do 2015 Fernando Sarasketa

Os seareiros da enxeñaría, a robótica e a intelixencia artificial sen cancelas, operada a través de programas abertos, teñen unha cita ineludíbel para o 23 deste mes no concello lugués de Láncara. Trátase, de maneira moi acaida tratándose dun concello onde as actividades agrarias teñen un peso especialmente relevante, dunha xuntanza dirixida a impulsar unha comunidade desenvolvedora de maquinaria agrícola en código aberto. O lema elixido tamén vén moi a conto tendo en conta a natureza argalleira (no bo sentido) da xuntanza: Eu Amo Fedellar. O encontro está aberto á participación de todo tipo de xente co gallo de ir artellando e dinamizando a creación dunha comunidade open source. Detrás desta cita atópase a Rede ReVOLTA (composta por sete grupos de investigación das universidades galegas).
Amais da Rede ReVOLTA a xornada vén da man do colectivo de creación contemporánea Montenoso, a ONG Enxeñería sen Fronteiras, o colectivo Makers de Lugo, a Asociación Galega de Amigos de Maquinaría Agrícola Clásica e o Colexio Alcalde Xosé Pichel de Coristanco. O eu obxectivo, a maiores, é dar forma a unha comunidade de desenvolvedoras e desenvolvedores de maquinaria agrícola con software libre.
Segundo apuntan estas asociacións, o movemento arredor do código aberto (movemento Open Source) ten aberto “un amplo abano de posibilidades de desenvolvemento de programas, aparellos e tecnoloxías diversas por parte de colectivos diversos, tanto nos ámbitos do hardware libre e o software libre como tamén no ámbito da maquinaría agrícola en aberto”. Se por algo se caracterizan estas comunidades é por traballar en equipo e fomentar a apertura do código e a posibilidade de remestura e uso por parte da cidadanía interesada, “facilitando que todo aquel que teña inclinación por estas cuestións poida fedellar e forzar no seu aparello e artellar por si mesmo a súa propia maquinaria”, sinalan dende as ditas asociacións galegas, que engaden que a proposta de Eu Amo Fedellar insírese (tamén e por dereito propio) no movemento das economías en código aberto. Polo tanto, din, a proposta parte de dúas fontes principais. A primeira é a capacidade propia das galegas e galegas que historicamente veñen acreditando un amplo potencial de autosuficiencia. A segunda son os alicerces do proxecto Open Source Ecology, unha comunidade que leva traballando tempo no desenvolvemento de maquinaría agrícola en código aberto.
Volvendo á cita do 23 (fixada no Museo Integrado de Maquinaría Agrícola Clásica situado en Trasliste, Láncara, Lugo), servirá polo tanto para pensar o que facer con todas as habilidades e coñecementos que achega cada integrante e cada experiencia paralela previa. Será, en palabras dos organizadores, “unha mostra de diferentes accións relacionadas coa maquinaría agrícola en código aberto, a evolución da innovación tecnolóxica ou a necesidade de impulsar a robótica no medio rural”. O encontro é aberto, pero é preciso inscribirse mandando un correo a rede.revolta@usc.es antes do mércores 21 de outubro.
O programa do encontro é o seguinte:
11:00-11:10 Presentación xornada
11:10-11:40 A innovación tecnolóxica ao longo da historia_Lourenzo Fernández Prieto [Catedrático de Historia Contemporánea da USC]
11:40-12:10 Non Intente facer isto na súa casa: Experiencia persoal no deseño e manufactura dun produto calquera_Pablo Blanco [Montenoso]
12:10-12:40 As tecnoloxías non son neutras_[Enxeñería Sen Fronteiras]
12:40-13:00 Café-debate
13:00-13:30 Por unha robótica Open Source no rural_Tucho Mendez [CPI Alcalde Xose Pichel Coristanco]
13:30-14:00 Ou de como amañar un tractor con arduino_Jesús Toural [Makers Lugo]
14:00-14:30 Maquinaría agrícola clásica, unha actividade innovadora_Marcos Vázquez [Asociación Galega de Amigos de Maquinaría Agrícola Clásica]
14:30-15:00 Conclusións do Encontro
A localización do Museo está na parroquia de Trasliste, concretamente no lugar A Eirexe, número 1.
Palabra clave do evento: #euamofedellar.
Máis información do evento: revolta.usc.es/gl/nova/euamofedellar/

PUBLICIDADE