Lámbrica impulsa na Rede o seu segundo audiovisual, a cuarta de ciencia ficción en galego Heliotropo

mércores, 18 de xaneiro do 2023 S. P.

O talento galego non descansa, e os contidos audiovisuais na Rede non son unha excepción. Proba disto é o pulo que está a recibir a curtametraxe de ciencia ficción Heliotropo nas redes sociais (por exemplo en Instagram) e na plataforma de micromecenado Verkami, onde conta cun espazo de seu para recadar apoios e chegar a bo porto. Heliotropo é unha curtametrax en galego que vén da man de Lámbrica Producións, unha incipiente produtora de cinema de ciencia-ficción e fantasía viguesa.
A traxectoria deste selo novo comezou en 2022, cando produciron a súa primeira curta, Abismo, seleccionada en varios festivais. Actualmente, o equipo de Lámbrica está a traballar arreo na súa segunda contribución audiovisual, Heliotropo, que cualifican de “moito máis ambiciosa”. Arestora atópanse mergullados na fase de posproducción, cunha campaña activa de micromecenados na plataforma Verkami. O obxectivo de recadación é de 2.500€, que só se cobrarán de chegaren ao devandito obxectivo a data do 13 de febreiro.
A contía das achegas son pechadas e van desde 10€ ata 250€, e todas elas veñen con recompensa: desde a ligazón exclusiva online para o visionado de Heliotropo cando estea rematada, a unha recreación dun arma de fogo utilizada na curta, pasando por material de promoción comecial diverso (chapas, cuncas, bolsas de tea, etc) ou mesmo un libreto adicado.
Na ligazón da campaña xa podemos atopar todos os demais detalles sobre Heliotropo, incluído o tráiler, o argumento e moitas fotografías, así como información moito máis detallada sobre a campaña de micromecenados en si e as recompensas.

PUBLICIDADE