Lambda CT achégalles as normas ISO20000 e ISO 15504 ás entidades TIC galegas

martes, 1 de febreiro do 2011 Raquel Noya

Lambda CT, compañía galega socia do Clúster TIC e de INEO, vén de acadar unha subvención de 18.500 euros do Plan Avanza para a implantación dos referenciais ISO20000 e ISO15504 (nivel 2), por valor de 18.500 euros.
A norma ISO2000 atópase orientada á xestión dos servizos de tecnoloxías da información e trátase dun referencial que lle permite á organización que a posúe a xestión ordenada e priorizada dos servizos tecnolóxicos que ofrece a clientes internos e externos.
Pola súa parte, a norma ISO15504 céntrase na avaliación e mellora dos niveis de madurez da organización e de capacidade dos seus procesos para o desenvolvemento de aplicativos software.
As organizacións certificadas con esta norma son garantes dun desenvolvemento de software axustado ás prácticas de enxeñaría máis axeitas, e que melloran co tempo e coa análise dos datos obtidos.
Ámbalas dúas atópanse dentro do conxunto de referenciais máis innovadores e exclusivos, nos que o número de empresas certificadas é aínda reducido.
Xa que logo, Lambda CT, consultora TIC con sede en Vigo, acumula máis dunha trintena de implantacións nestes referenciais e dispón de auditores certificados das devanditas normas ISO.
Asemade, dispón de vacantes para PEMES TIC que desexen implementar as normas que nos ocupan e informan que “a cantidade a confinanciar pola empresa (cantidade non cuberta pola subvención) é de só 1.500 euros no caso da ISO20000, e de 2.895 euros no caso da ISO15504, que fronte aos máis de 20.000 euros que custan calesqueira dos dous proxectos, representa unha boa incentivación para a entrada nos mesmos”.
Colaborando con INEO dende o comezo do Plan Avanza, alá polo ano 2006, Lambda CT obtivo suvbencións para máis de 50 empresas dentro do mesmo, en proxectos coordinados pola asociación tecnolóxica, que reportaron certificacións a todas elas e unha financiación para as mesmas de preto dun millón de euros en conxunto.

PUBLICIDADE