Lalín presenta as súas avanzadas iniciativas TIC para converterse en smart

martes, 16 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

Lalín quere ser unha urbe smart, ou sexa, unha vila mellor xestionada, máis participativa, máis sustentábel, máis eficiente e cunha mellor cobertura tecnolóxica e de comunicacións. Así vén de certificalo o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, que mantivo esta semana unha xuntanza con representantes da asesoría Idom Consulting para seguir dando pasos importantes na excelencia tecnolóxica de Lalín.
Na reunión, na que tamén participaron técnicos municipais de contratación e de informática, achandouse o terreo para o primeiro contrato incluído na estratexia Lalín Ssuma 21 (co-financiada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, FEDER), que é o contrato para impulsar Lalín no eido smart.
Segundo se fixo saber, esta iniciativa busca en termos xenéricos “facer avanzar a integración e o acceso ás novas tecnoloxías co obxectivo de mellorar os servizos públicos e as relacións administrativas coa cidadanía”. Nun eido máis concreto, o proxecto da Smart City comprometerá un orzamento aproximado de 200 mil euros (dos 960 mil para o global do obxectivo temático no que se insire) e suporá “un investimento moi importante e con gran repercusión na modernización tecnolóxica do Concello de Lalín e dos seus servizos”.
En primeiro lugar, abordarase a posta en marcha dunha plataforma de “control de cidade”, é dicir: unha ferramenta que permita manter o control de todos os elementos tecnolóxicos e electrónicos que se dispoñan na vía pública por parte do Concello de Lalín.
En segundo lugar, realizarase “un importante esforzo cun destacado investimento económico para dotar de redes Wi-Fi abertas á cidadanía nos edificios municipais”. Segundo fixo saber o Goberno local, esta media quere ampliar a dispoñibilidade de acceso coa que se conta agora, que se centra nalgunhas instalacións públicas. A idea é mellorar estes equipamentos e facelos máis abertos e accesíbeis. Nun plano máis concreto, dotaranse de conexión inmóbeis como a casa consistorial, a biblioteca municipal, o Lalín Arena e o auditorio. Este proxecto tamén implicará unha mellora da seguridade no sistema de conexión sen fíos, que, segundo avanza o Concello, “será moi potente e funcionará baixo o sistema firewall”, permitindo garantir a seguridade de todas as redes da Administración local.
Por outra banda, a iniciativa abrangue a posta en marcha dun sistema de información e axuda ao estacionamento nas principais áreas de aparcamento públicas de Lalín (Campo da Feira e aparcadoiro Aldea Grande), que permitirá o control de entrada e saída de vehículos e proxectará datos temporais e de uso co obxectivo de informar á cidadanía e facilitar o seu uso.
O Concello tamén avanzou os detalles do vindeiro sistema de pantallas de información e control en diferentes puntos xeográficos do casco urbano (ambulatorio, praza da Igrexa, concello etc.) e das proximidades, que proporcionarán información de interese e de asistencia ao tráfico e ao estacionamento.

PUBLICIDADE