Lalín e Silleda convocan á mocidade local para introducila na videocreación co móbil

venres, 29 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

O consistorio de Lalín vai acoller a comezos de xullo un obradoiro feito á medida das novas creadoras e creadores de contidos que queiran tirar o máximo proveito dun aparello que case nunca está lonxe de máis para as novas xeracións, e non tan novas: o teléfono móbil. Estamos a falar dun obradoiro de videocreación Encádrate, que se celebra os días 3 e 4 de xullo (en horario de 10.00 a 14.00 horas) e que foi presentado esta semana polo concelleiro de Benestar Social de Lalín, Nicolás González Casares. O curso está destinado a mozos e mozas de 14 a 30 anos de idade.
Segundo fixo saber o concelleiro, a iniciativa lévase a cabo enmarcado dentro do proxecto Aquelar, servizo de prevención de adiccións dos concellos de Lalín e Silleda. Na actividade as persoas participantes adquirirán diferentes coñecementos para a realización e edición de vídeos empregando como única ferramenta a cámara do teléfono móbil. O curso é totalmente de balde e as persoas interesadas deben inscribirse previamente enviando un correo electrónico á dirección tania.tumbeiro@lalin.gal.
O concelleiro lembrou que o programa Aquelar está destinado a familias, poboación escolar, poboación xuvenil e, de xeito integral, á poboación en xeral de ámbolos dous municipios pontevedreses. Ten entre os seus obxectivos os de loitar contra as adiccións promovendo hábitos saudábeis e facilitando recursos de información e orientación, así como promover unha conciencia social sobre os efectos nocivos do consumo de drogas e incrementar a percepción do risco, ademais de desenvolver habilidades e competencias persoais na mocidade de cara a adoptar unha actitude crítica e responsábel sobre as adicións, entre as que se inclúen os hábitos negativos relacionados coas novas tecnoloxías da información. O curso Encádrate, de feito, diríxese a poñer o foco en todo o que de positivo (enriquecedor, creativo, participativo) teñen as novas ferramentas dixitais.

PUBLICIDADE