Lacoste lanza tenda en liña para o mercado estatal

martes, 19 de xaneiro do 2016 Redacción

Lacoste vén de estrear tenda en liña para o mercado estatal. O establecemento en liña da marca francesa (lacoste.es) foi desenvolvido pola empresa catalá Trilogi, firma de solucións para comercio electrónico con sede de seu en Igualada (Barcelona). A tenda, operativa dende finais de 2015, vai comercializar de xeito integral as coleccións de Lacoste (home, muller, nenos), incluíndo produtos téxtiles, complementos e zapatos. Para dar corpo á eShop da marca francesa, presente no mercado estatal dende 1962, asumiuse o reto de achegar “unha experiencia de compra omnicanle”.
Isto significa, para facernos unha idea, que se queremos mercar algo na dita tenda teremos a opción de recoller os produtos comprados en calquera dos puntos de venda físicos da compañía, así como tamén tramitar neles as posíbeis devolucións. A tenda online, que pode visualizarse correctamente desde calquera dispositivo móbil, incorpora unha nova tecnoloxía creada por Trilogi que permitirá, en palabras da compañía, “maximizar o rendemento da plataforma e lograr un maior cociente de conversión”.

PUBLICIDADE