La Voz revela este venres as chaves do audiovisual actual

venres, 22 de xaneiro do 2010 Raquel Noya

O vindeiro venres, 29 de xaneiro, o Museo da Prensa de La Voz de Galicia, situado no Polígono Industrial de Sabón, en Arteixo, vai dar acollida ao Foro 2010: Un novo mundo audiovisual por descubrir, que será impartido pola directora da División de Televisión de Telecinco, Patricia Marco para repasar, entre outras cousas, o panorama televisivo e lexislativo actual.
A Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e o Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA) son os encargados de organizar este evento, que será de balde e que entregará un disploma certificativo a todas as persoas asistentes.
No seu actual posto directivo, a relatora Patricia Marco encárgase das áreas de Programación e Produción Allea, e de Emisións e Promocións de Telecinco, LaSiete e FDF. Dende a súa chegada ao grupo en 2003, encargouse tamén da Subdirección de Contidos de Atlas España e da Dirección de Programación de Telecinco.
Patricia Marco falará durante o foro do futuro da televisión e das audiencias tras o apagamento analógico, unha temática que vén moi a conto estes días na nosa Comunidade e explicará tamén a xestión da oferta multicanle e a xestión multimedia, onde se deterá en aspectos como os ingresos comerciais, a produción de contidos e a interacción entre televisión, internet e telefonía móbil.
As persoas interesadas en asistir a este acto deberán confirmar asistencia chamando ao teléfono 981 180 416 ou por correo electrónico.

PUBLICIDADE