La Voz estrea un blog sobre a Internet para profanos

martes, 5 de outubro do 2010 Marcus Fernández

O 24 de xullo de 2007 o xefe de área de Internet de Canalvoz, Francesc Pumarola, estreaba un blog na páxina web de La Voz de Galicia titulado Pistonadas. Experiencias de un probador de motos, no que leva xa máis de 3 anos compartindo as súas opinións e experiencias sobre o mundo das dúas rodas, e finalmente decidiu aproveitar a plataforma de bitácoras de Internet da súa compañía para escribir sobre temas moito máis afíns á súa actividade profesional, de xeito que o pasado domingo principiou Gugleando por la Red, espazo no que busca amosar os seus coñecementos sobre a Internet dun xeito práctico, para que usuarios menos experimentados poidan achegarse ás distintas ferramentas que ofrece a web e as posibilidades que abre tanto a usuarios como a empresas de distintos tamaños.

Ilustración de Pinto & Chinto que adorna o novo blog de Francesc Pumarola

Esta nova bitácora non busca ser un punto de encontro de expertos e Pumarola fuxe dunha postura de gurú que tan habitualmente vemos na web, limitándose a comentar os aspectos chave dunha páxina web, explicar o funcionamento dos buscadores, destacar a importancia das redes sociais, controlar a reputación na Rede… en boa medida, contribuír a pechar a fenda dixital que hai entre os distintos tipos de usuarios, o que deixou claro xa nunha das súas primeiras entradas, na que explica os motivos polos que unha empresa ou un autónomo precisa dunha páxina web.
Gugleando por la Red non só destaca pola súa orientación construtiva e divulgativa, senón que a súa estética tampouco deixará indiferentes aos habituais das páxinas de La Voz, xa que a cabeceira deste blog conta cunha ilustración de Pinto & Chinto na que caricaturizan ao autor do caderno en liña coma un buzo nun mar no que os peixes son punteiros de rato e o tubo de respiración é un cable de rede.

PUBLICIDADE