La Voz de Galicia principia na Rede o lanzamento da súa nova televisión autonómica

martes, 2 de febreiro do 2010 Marcus Fernández

Nuns días nos que o apagamento analóxico completouse en media Galicia moitos preguntábanse que sería das televisións locais e autonómicas que terían que funcionar a través da TDT, e mentres no ámbito local aínda son moitas as incógnitas, a nivel autonómico xa temos en probas a Popular TV Galicia e, finalmente, a canle de La Voz de Galicia vai collendo forma, de xeito que en distintas páxinas web podemos ver un vídeo promocional que vai preparando o terreo, e incluso a páxina web deste proxecto audiovisual que parece que responderá ao nome de vTelevisión, e na que hai un blog no que van dando conta de detalles desta iniciativa que está a comezar a latir nos estudos centrais da canle sitos no Polígono de Sabón, por onde pasan profesionais coma Lois Blanco, Tamara Blanco, Anxo Noya, Ana Lorenzo e Fernanda Tabarés, encargándose esta última de dar a benvida aos internautas ao espazo virtual de vTelevisión, dende o que pretenden construír unha comunidade aberta á interacción e á participación, no que será unha aposta seria pola Internet e a tecnoloxía coma vehículo para «buscar historias e contalas».

Posible logotipo da nova canle televisiva
Fernanda Tabarés presenta na web o novo proxecto audiovisual da Corporación Voz

Todo apunta a que nas vindeiras semanas, coa vista posta no apagamento analóxico na totalidade da nosa comunidade, vexamos o nacemento progresivo dun novo axente no panorama da comunicación en Galicia, que busca deixar pegada na web, para chegar con certo pulo aos fogares no momento no que principie as súas emisións a través da TDT, pois non esquezamos que os internautas galegos tenden a ter uns coñecementos de tecnoloxía superior á media da poboación galega, polo que será máis doado que acometan a operación de resintonizar o seu televisor ou o seu receptor de TDT para recibir a nova canle autonómica, que completa o múltiplex de 4 programas que temos asignados para Galicia.
ACTUALIZACIÓN (3-2-2010): Continuando coa súa aposta pola Internet, vTelevisión vén de estrear páxina en Facebook, conta en Twitter e canle en YouTube.

PUBLICIDADE