La Sexta estrea a súa propia canle en YouTube

mércores, 24 de decembro do 2008 Marcus Fernández

A relación das televisións españolas con YouTube é un chisco contraditoria, e mentres unhas canles optan por montar as súas propias plataformas de vídeo a través da Internet (coma Telecinco) outras aproveitan o potencial do portal de vídeo de Google para promocionar os seus contidos. Pero ambas opcións non son excluíntes, é así TVE fai uso tanto da súa web como de YouTube, pasos que vén de seguir La Sexta que, pese a que conta cunha web na que ofrece boa parte dos seus contidos en vídeo con alta calidade (480p), decidiu anunciar a estrea da súa propia canle en YouTube, de xeito que os usuarios que queiran compartir na web fragmentos populares de programas coma Sé lo que hicisteis…, El Intermedio, Buenafuente, Qué vida más triste, La Tira, Estados Alterados Maitena e Salvados (entre outros) xa non terán que subir eles mesmos os clips á Rede, senón que os poderán atopar en YouTube, ampliando «a oferta de contidos de La Sexta en Internet» para «permitir ao público gozar de balde dos nosos programas cando e onde eles decidan», segundo asegurou Alfredo Peña, director multimedia da canle televisiva.
Dende YouTube España a súa responsable de alianzas estratéxicas, María Ferreras, destaca que «as oportunidades para compartir e promocionar a creación audiovisual son inmensas, coma é o caso de Qué vida más triste, un dos usuarios con máis éxito en YouTube España e que conseguiu facer unha serie nesta canle baseándose na súa creatividade».

PUBLICIDADE