La Factoría publica Génesis, unha xanela ó futuro dos ordenadores e o ser humano

martes, 3 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

Como será a vida dos homes e das máquinas dous milenios despois deste presente no que vivimos? Será beneficiosa para ambos? En que desembocará a Sociedade da Información de hoxe? Que acontecerá cando os sistemas que actualmente canalizan a Rede -sen pensala e sentila- acaden un chanzo máis de desenvolvemento? Preguntas coma estas debeuse de facer o escritor Poul Anderson antes do seu pasamento en 2001, xusto nun intre en que a Web 2.0 comezaba a albiscarse a nivel mundial e a tecnoloxía adoitaba un ritmo aínda máis frenético có que nos tiña amosado durante anos.
Anderson, que está de novo de actualidade pola publicación de Génesis (a cargo de La Factoría de Ideas), probablemente estivo nos últimos anos da súa vida máis preto que nunca da seguinte idea: a tecnoloxía segue con paso firme cara a adquisición de vida propia.
Precisamente con esta reflexión comeza o dito libro, que vai dirixido sobre todo a un público afeito ao que poderíamos chamar “ciencia ficción con fundamento”, con todo o que iso implica de nivel de esixencia requirido: trátase dun xénero ao que cómpre abordar cunha base de coñecemento científico.
O libro, que foi galardoado co John W. Campbell Memorial, fai uso dun argumento relativamente sinxelo (metade ordenador, metade memoria e entedemento humanos, o protagonista descubre certos plans segredos dunha mente suprema cara a Terra e a humanidade), Anderson reflexiona sobre os progresos tecnolóxicos do presente, as súas vantaxes e os seus atrancos, mais non a través dunha ollada ao pasado senón adoptando o camiño inverso: falando do futuro para axudarnos a recoñecernos a nós mesmos e (asemade) as situacións de dependencia tecnolóxica e informativa nas que ficamos inmersos, se cadra inmersos de máis como para non ver máis alá.

PUBLICIDADE