La Casa de Papel é a produción de fala non inglesa máis vista na historia de Netflix

martes, 17 de abril do 2018 Marcus Fernández

La Casa de Papel foi un dos grandes éxitos en Netflix no último trimestre

Netflix vén de publicar os seus resultados financeiros correspondentes ao primeiro trimestre do ano, salientado que chegou aos 125 millóns de subscritores que xeraron uns ingresos de 3.602 millóns de dólares no seu servizo de streaming, cun detalle moi salientable: os ingresos de fóra dos EE.UU. están xa no 49,47%, polo que prevén que no vindeiro trimestre o volume de negocio local véxase superado polo internacional.
A compañía tamén confirma que ten previsto gastar entre 7.500 e 8.000 millóns de dólares ao ano en contidos en numerosos formatos e idiomas, buscando así contentar á diversidade do público que está a aglutinar a plataforma de vídeo baixo demanda de referencia a nivel mundial. Dende Netflix destacan que continúan a incrementar a súa aposta por producións orixinais en falas distintas do inglés, como Túnel de Corrupción (serie do creador de Narcos que narra a investigación dunha trama de corrupción gobernamental no Brasil, conseguindo magníficas audiencias no país).
Tamén salientan que La Casa de Papel (produción para Antena 3 que converteuse nun fenómeno internacional ao integrarse na oferta de Netflix) conseguiu neste último trimestre converterse na serie de fala non inglesa máis vista na historia de Netflix.
Aproveitan a presentación de resultados para celebrar que o documental Icarus, de Bryan Fogel e Dan Cogan, conseguise un Óscar, de xeito que sería o primeiro Premio da Academia en ir parar a un traballo para Netflix.

O actor galego Pedro Alonso é un dos protagonistas de La Casa de Papel

PUBLICIDADE