La Caixa entrega este xoves na Coruña os Premios EmprendedorXXI edición galega

martes, 3 de xuño do 2014 Fernando Sarasketa

Marc Benhamou, director territorial de La Caixa en Galicia, e Javier Aguilera, director xeral do IGAPE, presidirán este xoves 5 de xuño, ás 11.30 horas, o acto de entrega dos Premios EmprendedorXXI en Galicia, unha iniciativa impulsada pola entidade financeira e co-outorgada polo Ministerio de Industria a través de ENISA. En Galicia, os Premios EmprendedorXXI contan tamén co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE). Sinalar que este ano (a oitava edición) presentáronse dúas ducias de empresas galegas. Finalmente foron seleccionados cinco finalistas.
As cinco compañías que ficaron finalistas son Kiply.com (tecnoloxía e hardware para recoller, avaliar e retroalimentar datos da vida profesional das persoas), Biolactis (firma biotecnolóxica baseada na investigación e produción de probióticos, microorganismos vivos que favorecen a saúde das persoas), Chemantec (iniciativa xurdida da USC que achega servizos de ensaios analíticos para determinar a seguridade de produtos alimentarios), Monet (compañía de innovación tecnolóxica que ofrece ás adegas un sistema para axudar a mellorar a calidade do viño desde o viñedo) e Torus (firma que desenvolve e comercializa un novo protocolo de comunicacións alternativo ao IP actual, un sistema que posibilita acelerar aplicacións de gran proxección futura e ligadas ao manexo de grandes datos).
O gañador autonómico dos Premios EmprendedorXXI obterá 5.000 euros e a participación nun programa de acompañamento e traballo en rede internacional, con estancias nalgúns dos principais polos de innovación do mundo: a Universidade de Cambridge, Tel Aviv, Silicon Valley e Nova York. Ademais, o gañador clasificarase para a fase estatal dos Premios EmprendedorXXI, que se fallará no mes de novembro.
O acto de entrega (ás 11.30 horas no Hotel Attica21 da Coruña) tamén contará coa presenza do emprendedor Javier Martín, fundador de loogic.com ou iniciador.com, que impartirá a conferencia Emprender lixeiro. A asistencia está aberta a todo o público interesado, previa confirmación de asistencia.

PUBLICIDADE