La 2 estrea o programa Cámara abierta 2.0

luns, 12 de novembro do 2007 Marcus Fernández

La 2 de Televisión Española estrea hoxe á noite o programa Cámara abierta 2.0 que segundo os responsables da canle televisiva é «o primeiro programa dedicado á Internet como plataforma de información, creación e comunicación» e que se emitirá de luns a mércores explorando a linguaxe imposta no século XXI, que transformou as relacións humanas.


Vídeo de presentación do programa

O novo programa dirixido por Georgina Cisquella aposta polo xornalismo cidadán e pola colaboración dos telespectadores, que poderán enviar vídeos a través da web do programa ou mesmo contar cunha cámara do programa durante 24 horas se teñen algo que contar. Os contidos emitiranse no programa e tamén se poderán consultar na web.
Cámara abierta 2.0 contará con seccións coma Tú ruedas (un telespectador poderá gravar durante 24 horas detalles significativos da súa vida), Visto en (os mellores vídeos da Rede), Locos por el blog (os blogueiros máis importantes), Personajes en red (figuras da Internet), Enredados (repercusións da Internet na vida cotiá) ou Píldoras didácticas (solución ás dúbidas típicas dos espectadores).
Os contidos publicados na web de Cámara abierta 2.0, pese a non estar pendurados de webs coma YouTube, poden integrarse en webs e blogs de xeito doado, polo que se abre á Rede tanto a produción de contidos como a súa difusión.

PUBLICIDADE