LV De Luns a Venres cumpre cinco anos de vida con 60.000 visitas mensuais á súa web

xoves, 22 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

Nun panorama cada vez máis cru para os medios, hai quen resiste, e ademais achegando información en galego, cousa que nos tempos que corren semella dobremente complexa. Falamos de LV De Luns a Venres, que cumpriu este 21 de decembro cinco anos de vida na rúa (e nunca mellor dito, porque sae ao paso dos viandantes), achegándonos unha publicación de balde e en galego, cousa moi de agradecer. O xornal conmemorou este importante feito con varias cousas relacionadas coa Rede.
Por unha banda, permitíndolles aos lectores de todo o mundo a descarga do número especial do quinto aniversario de LV e, pola outra, achegándolles un redobrado esforzo por tomarlle o pulso á actualidade a través da súa páxina web, fusionada coa plataforma dixital Galiciaé.
Por certo que logo destes cinco anos de vida do xornal, LV foi quen de conseguir as seguintes cifras recentes: 60.000 visitas mensuais e unhas 5.000 a través das dúas principais redes sociais, Facebook e Twitter.
Segundo se conta en El Progreso, de Galiciaé, “os datos de OJD -–PGD no caso da prensa gratuíta–- sitúan o gratuíto galego como o terceiro en difusión de Galicia -–32.906 exemplares de media–- e entre os trinta primeiros de España”. A estes lectores, engade El Progreso, “súmanse ademais 5.400 subscritores a través de internet, que descargan a diario o xornal en PDF en Galicia e noutros puntos de España e do mundo”.

PUBLICIDADE