LINE intentará superar a WhatsApp anunciándose en televisión

xoves, 7 de marzo do 2013 Marcus Fernández

Hugo Silva e Michelle Jenner protagonizan os anuncios televisivos de LINE

Aproveitando que WhatsApp comeza a cobrar subscricións anuais aos usuarios de Android para poder seguir a gozar do servizo de mensaxería dende o móbil, un dos seus principais competidores, LINE, que superou os 4 millóns de usuarios a semana pasada, está a reforzar as súas campañas promocionais para gañar relevancia e captar aos moitos usuarios que deciden abandonar o WhatsApp tras caducarlles o servizo.
España é un dos países nos que LINE está a conseguir unha boa aceptación, estando considerado como o segundo de máis importancia para a súa compañía despois de Xapón, polo que decidiron gravar un par de anuncios para televisión nos que Juan Carlos Fresnadillo dirixiu a Hugo Silva e Michelle Jenner e que baixo o lema de “la visa es mucho más divertida con LINE” busca gañarse ao público español, movemento sen precedentes que pode supor unha auténtica ameaza para WhatsApp. Os spots televisivos de LINE comezarán a verse por televisión mañá mesmo.
Dende Naver insisten en que LINE será sempre unha aplicación de balde, pero non é o único incentivo para o seu uso, senón que tamén conta con funcionalidades como a realización de chamadas VoIP e a posibilidade de utilizarse dende o escritorio informático (de xeito que cando esteamos fronte ao ordenador poderemos teclear axilmente as nosas mensaxes sen ter que forzar o polgar na pantalla do móbil).


Vídeo sobre a realización dos novos anuncios televisivos de LINE

PUBLICIDADE