LG presenta os seus portátiles para 2024

xoves, 28 de decembro do 2023 Marcus Fernández

A liña de ordenadores portátiles de LG que leva anos sendo un referente polo seu equilibrio entre potencia e portabilidade, os LG Gram, presentan a súa edición de 2024, que destaca por mellorar a súa aplicación para facilitar compartir ficheiros, fotografías e pantalla entre os portátiles e dispositivos con iOS e Android.
Os mellores equipos da familia para 2024 serían os LG Gram Pro e LG Gram Pro 2-in-1. Os LG Gram Pro chegan con pantallas de 16 e 17 polgadas (o modelo de 17 é IPS, mentres que o de 16 polgadas poderase adquirir con panel OLED ou IPS), procesadores Intel Core Ultra, almacenamento NVMe PCIe 4.0 SSD e gráficas nVIDIA GeForce RTX 3050 (aínda que tamén estarán dispoñibles nunha versión con gráfica Intel Arc), así como un procesador neural de Intel para axilizar as tarefas de intelixencia artificial. Estes equipos terían pesos de entre 1.199 e 1.379 gramos.
Pola súa banda, o LG Gram Pro 2-in-1 é un convertible con pantalla de 16 polgadas, que tamén está dispoñible con pantalla IPS ou OLED, conta con gráfica Intel Arc, e ten un peso de 1.399 gramos.
Para usuarios menos esixentes haberá modelos LG Gram con pantallas de 14, 15, 16 e 17 polgadas, tamén con procesadores Intel Core Ultra, almacenamento NVMe PCIe 4.0 SSD e paneis IPS con cobertura contra reflexos. Só están dispoñibles con gráficas Intel Arc. Teñen pesos de entre 1.100 e 1.415 gramos.
Polo momento LG non detalla a autonomía destes equipos, que tradicionalmente están nas mellores posicións dentro do mercado dos portátiles con procesadores Intel, de xeito que en función do modelo estarían aproximadamente entre as 10 e 18 horas de autonomía (para un uso lixeiro).

A familia LG Gram conta cunha diversidade de configuracións para adaptarse a moitos perfís de usuario

PUBLICIDADE