Krasis publica unha exhaustiva introdución ao desenvolvemento de aplicacións en Windows 8 e Windows Phone

xoves, 22 de novembro do 2012 Redacción

Os servizos galegos Krasis Press e CampusMVP, con sede en Vigo, veñen de sacar ao mercado o primeiro libro en español sobre Windows 8 e Windows Phone. De cara aos desenvolvedores, informan os selos responsábeis da publicación, ámbolos dous sistemas implican un xiro na forma de desenvolver aplicacións e Introdución ao Desenvolvemento en Windows 8 e Windows Phone pode ser “a porta de entrada a estes sistemas”, engaden. A obra pretende pois axudarnos a afrontar os retos que propón Microsoft nos devanditos programas de seu e a dominalos do mellor xeito posíbel, e máis se temos que en conta que Windows 8, en palabras de Krasis e CampusMVP, representa “un cambio xigantesco con respecto ao que Windows é e significa, e Windows Phone 8 encarna a madurez do sistema operativo para dispositivos móbiles de Microsoft”.
Por estas e outras razóns, engaden, Microsoft incluíu no seu TechDay un relatorio relacionado co desenvolvemento de aplicacións nestas interfaces, cousa que completará agasallando aos profesionais de sistemas un exemplar do libro do que estamos a falar, escrito por Josué Yeray Julián, Rafael Serna e Ibón Landa, desenvolvedores recoñecidos e premiados polas multinacionais Microsoft e Nokia.
En Introdución ao Desenvolvemento en Windows 8 e Windows Phone, de venda en formato dixital, atópase un achegamento ás ferramentas de deseño, descrición de conceptos de programación baseados no patrón Model View View Model (MVVM), a linguaxe visual XAML, e os principais elementos dunha interface visual tanto para Windows 8 como para o sistema Windows Phone 8.
Por último, dá unha explicación detallada de que pasos debemos seguir para publicar as nosas aplicacións, tanto na Windows Store como na Windows Phone Store.

PUBLICIDADE