Kodak deixará de fabricar cámaras dixitais

xoves, 9 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

Kodak continuará a explotar os quioscos de revelado dixital

Tras declararse en suspensión de pagamentos hai menos dun mes, Eastman Kodak Company anuncia agora que este semestre vai deixar de fabricar cámaras dixitais, cámaras de vídeo de peto e marcos dixitais para reducir custos. A compañía centrará a súa actividade en licenciar a súa marca en servizos de impresión fotográfica (en establecementos físicos e en liña) e en impresoras de inxección de tinta, polo que a compañía que inventou a cámara fotográfica manual queda agora como unha sombra do que foi, demostrando non ser capaz de adaptarse á dixitalización do seu negocio.
Coas restricións programadas Kodak agardar aforrar máis de 100 millóns de dólares nun ano. Os negocios de Kodak que continuarán a operar con normalidade serían: os quioscos de revelado dixital, as impresoras de inxección de tinta, a aplicación de Kodak para Facebook, o servizo en liña Kodak Gallery, as baterías e os accesorios para cámaras e a filmación de documentos.