Kedapp: nova aplicación de balde para organizarmos e atoparmos kedadas

venres, 14 de decembro do 2012 Fernando Sarasketa

Cada vez fálase máis, de xeito completamente normalizado, de festas, xantares ou ceas 2.0. De moitas delas fálase así á lixeira, porque soa a moderno, pero outras constitúen realmente xuntanzas xeradas e preparadas, a tódolos niveis, dende as redes sociais. Até o de agora estes encontros (o que se coñece como kedadas) collían en corpo en servizos máis ou menos xenéricos, pero dun tempo a esta parte ábrense camiño as ferramentas específicas para organizar, xestionar e atopar este tipo de citas colectivas. Unha das máis específicas de entre as específicas é Kedapp, un servizo cun nome moi atinado porque sinala ás claras, xuntando termos, cales son os obxectivos.
Estes son, para quen non se decate, os seguintes: pór en xogo unha aplicación para quedarmos cos amigos e para organizar kedadas na nosa área de influencia. Trátase, máis polo miúdo, dun recurso para Android (dispoñíbel a curto prazo para iPhone e iPad), xa descargábel de balde dende o Market de Google Play, e que inclúe, entre as principais funcionalidades, un servizo de xeolocalización para atopar xuntanzas na nosa contorna en función dos nosos gustos, tendencias, intereses, e todo amosado nun mapa coas diferentes citas abertas e información das mesmas (situación exacta, data, duración, etc). Para comezar a usar esta aplicación, temos que rexistrarnos co noso nome e conta de correo, sexo, idade e (opcional, pero recomendábel) foto e intereses. “Unha vez dentro”, sinalan os responsábeis deste desenvolvemento, “poderemos ver as kedadas activas máis próximas ao sitio no que atopemos en formato listaxe ou mapa, así como aquelas nas que esteamos inscritos”. A maiores, poderemos organizar xuntanzas “dun xeito sinxelo elixindo o lugar, tipo e radio de acción a onde queremos que cheguen”.

PUBLICIDADE