Kaspersky advirte: o número de troianos nocivos na Rede incrementarase de xeito considerable

luns, 12 de marzo do 2007 Raquel Noya

O líder no deseño de sistemas de defensa contra virus, hackers e correo non solicitado (en definitiva, o servizo de recollida de lixo da Rede), Kaspersky Lab, vén de presentar o seu novo informe analítico anual dedicado ó desenvolvemento dos programas nocivos e o spam en 2006 e no que se recollen os prognósticos para 2007. Os analistas sinalan que o número de programas troianos nocivos (en particular os orientados ó roubo de datos de usuarios dos xogos en liña) seguirá a medrar de xeito considerable esta tempada, xa que (seguindo as tendencias de desenvolvemento), o pasado ano incrementáronse nun 41 por cento respecto de 2005.
Ademais, entre os acontecementos salientable do ano, o informe de Kaspersky Lab menta a aparición dos primeiros virus e vermes para o sistema operativo MacOS e dos programas troianos para a plataforma móbil J2ME, destinados a roubar cartos das contas dos teléfonos dos usuarios.
Os spammers seguen a disfrazar de cartas persoais as súas mensaxes non solicitadas co fin de obrigar ó usuario a ler atentamente o contido das mesmas e reaccionar conforme agarda o delincuente: chamar por teléfono, seguir unha ligazón. Os prognósticos apuntan que as tecnoloxías do correo lixo xa existentes continuarán activas, que os criminais seguirán interesados no spam gráfico (para evadir os filtros antispam) e que seguirá cara adiante o proceso de penalización de envíos de mensaxes indesexadas. A análise tamén menciona o elevado interese dos autores de virus polas vulnerabilidades do sistema Vista e a integración dos autores de virus cos spammers.

PUBLICIDADE