Kaspersky Lab lanza unha aplicación para axudar aos usuarios de Facebook a ter só “amigos de verdade”

venres, 23 de maio do 2014 Fernando Sarasketa

A compañía de seguridade informática Kaspersky Lab vén de lanzar unha ferramenta para axudarnos a ter conta directa da nosa actividade e a dos nosos contactos na rede social Facebook. Trátase, máis polo miúdo, da aplicación FriendoOrFoe, que como o seu propio nome indica, semella unha ferramenta directamente encamiñada a dicirnos quen é amigo en Facebook e quen simplemente está aí, nos nosos contactos, para ocupar sitio, dar a vara, sumar nomes ou algo peor.
A ferramenta, que é de balde, amosa que contactos “son os que máis recomendan e comentan as nosas entradas”, amais de informar de posíbeis ameazas e asesorar para mantermos o perfil e datos persoais seguros.
Esta ferramenta, informa a compañía, diríxese tamén a dar servizo a aqueles usuarios interesados en analizar a súa actividade en Facebook a través de estatísticas de seguimento: FriendOrFoe amosa en detalle cantos vídeos e fotografías publica o internauta que ten instalada a app e o número de gústame recibidos, “entre outros exemplos de estatísticas pensadas para os seareiros máis acérrimos da rede social”.
Kaspersky Lab lanzou a ferramenta en español, inglés, ruso, alemán, francés, italiano, portugués, árabe e xaponés. A súa idea, consciente de que a maioría dos ataques de suplantación de identidades (phishing) en redes sociais prodúcense en Facebook, era pór un extra de seguridade na comunidade 2.0. Segundo informa a compañía, “a rede social máis grande do mundo é un reclamo para os criminais en liña que están á caza dos datos persoais e de acceso dos usuarios”.

PUBLICIDADE