Kaleidos: nova iniciativa en liña para dar saída a propostas empresariais de software libre

venres, 28 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

O equipo da empresa Kaleidos, no seu emprazamento físico de traballo en Madrid

Estamos pensando en achegar o produto da nosa unha iniciativa empresarial innovadora no ámbito da programación aberta e vemos que hai moitas portas nas que petar e non sabemos en cal delas tocar cos cotelos? Pois que saibamos que cada pouco xorden na Rede propostas para dar renda solta ao gran potencial de creatividade dos internautas. Un exemplo disto é Kaleidos.net, unha web que vén da man da firma do mesmo nome e que se dedica, entre outras cousas, a acoller emprendedores con ideas innovadoras. Xa nun plano máis específico, dicir que o obxectivo desta iniciativa é converterse nunha “empresa xeradora de oportunidades dende a base TIC do código aberto”.
Estamos pois ante unha compañía que traballa a prol do libre pensamento a través das novas tecnoloxías, creando o escenario axeitado para novas propostas de software aberto. Esta aposta pola programación libre, afirman os seus responsábeis, non é “unha cuestión de moda”, senón unha resposta lóxica á súa experiencia, que, entre outras cousas, tenlles demostrado que se trata do mellor xeito de conseguir que o seu traballo teña un impacto no mundo. Estas novas fórmulas de traballo polas que aposta Kaleidos, unidas á súa proxección internacional, derivan nunha nova característica de seu: a aposta por darlle forma a unha actividade sen límites xeográficos. De feito, declaran, a localización da súa sede en Madrid é “meramente circunstancial”.
Amais da creación e achega de software libre propiamente ditas, entre os obxectivos de Kaleidos atópase a captación de emprendedores con vocación filantrópica e con proxectos innovadores que teñan interese por facer negocio seguindo modelos xustos de mercado. Ao fío disto, Kaleidos quere presentárselles como un provedor co que se pode falar e que achegue valor. Neste senso, a firma traballa coa fórmula de coprodución en diferentes joint venture para proxectos seleccionados de entre os clientes, o que lles converte en socios. Asemade, as grandes organizacións con iniciativas de innovación que requiran un provedor “de garantía e capacidade de traballo baixo presión” teñen un oco en Kaleidos, ao igual que as compañías de publicidade e deseño que precisen un socio de índole tecnolóxica para resolver os seus proxectos, informan os responsábeis da iniciativa.

PUBLICIDADE