Juan Casares sinala que o futuro da USC pasa pola dixitalización total dos seus procesos académicos e económicos

martes, 3 de maio do 2011 Fernando Sarasketa

De esquerda a dereita, Odilo Martiñá, Emilia Vázquez, Juan Casares, Mar Pereira, Fernando Suárez e Manuel Botana; imaxe de Santi Alvite

O reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long, interveu hoxe na apertura oficial das xornadas As relacións da Empresa coa Administración Electrónica, que está a organizar o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) na Facultade de Económicas de Compostela. O reitor aproveitou a oportunidade para facer un achegamento ao proceso de dixitalización que está a vivir a institución educativa, un proceso que marca “un antes e un despois” e que só é unha parte complementaria de algo moito máis amplo que estará operativo en breve. De feito, dixo, o gran obxectivo da USC en materia de eAdministración é aplicar estas bases telemáticas e electrónicas alén do puramente académico. “Toda a nosa xestión académica está a día de hoxe sobre a Rede”, indicou, “o reto é espallalo todo cara a xestión económica e cara a relación cos nosos provedores”.
Neste senso, engadiu, a Universidade participa do espírito que alenta os máis recentes regulamentos gobernamentais sobre a materia, cun contorno que non só establece o dereito a facer uso das novas canles electrónicas para relacionármonos con institucións de todo tipo, senón tamén a obriga de facelo. “A Universidade”, comentou neste fío, “ten a o obriga de situarse como punteira no desenvolvemento de sistemas, e faino xa dende hai tempo, comezando polo punto de partida, a matrícula do alumnado, e abranguendo procesos tan afastados deste punto como a recepción das notas por SMS ou a consulta do expediente de cualificacións cando se remata a carreira”.
Este camiño cara a dixitalización dos escenarios nos que a USC se interrelaciona cos seus integrantes, e estes entre si, ten que ser por forza un camiño compartido, dixo. A xuízo do reitor, a unión fai a forza, e neste punto radica o consorcio creado polas tres universidades galegas para dar soporte firme a todo este proceso no ámbito da xestión universitaria, unificando esforzos. O principal atranco neste vieiro é, coma case sempre, o financiamento: “Son necesarios moitos recursos para o labor de afianzamento da eAdministración universitaria, recursos que darán beneficios a medio e longo prazo”. Neste punto, cómpre ter visión de futuro: “Os beneficios que vemos hoxe na Sociedade da Información son o froito dos esforzos dados dende hai moito tempo”.

Programa da tarde e de mañá

As xornadas, que xa avanzamos a primeira hora da mañá deste martes co seguimento da intervención de Mar Pereira (secretaria xeral de Modernización) continúa pola tarde cos mesa redonda sobre empresa e eAdministración na que interveñen o presidente do Consello Galego de Colexios de Economistas, Roberto Pereira Costa; o presidente de Blusens, José Ramón García González; o conselleiro delegado de PLEXUS, Antonio Agrasar Cascarllar; e o presidente da FEGAMP, Carlos Fernández Castro.
A sesión do mércores 4 tratará cuestións relacionadas coa contratación electrónica nas entidades locais e a contratación e facturación na Xunta de Galicia. Pola tarde haberá unha mesa redonda sobre a administración electrónica e a informatización das cooperativas.
O réxime sancionador na LOPD, as perspectivas para a implantación da Administración electrónica na Xunta de Galicia e a administración electrónica na Universidade serán os tres temas de discusión da xornada do xoves, que se clausurará ás 14:00 horas.

PUBLICIDADE