Josep Piqué e expertos do sector analizan da man de R as moitas oportunidades do presente dixital

xoves, 28 de outubro do 2021 S. P.

A transformación dixital é imparábel no actual contexto de recuperación e as empresas deben aproveitar este intre de cambio para convertelo en oportunidades. Esta é unha das grandes conclusións que guindou a nova edición da Xornada Tecnolóxica R, impulsada pola operadora de telecomunicacións galega, que tamén puxo o foco nos riscos e nos retos da conxuntura actual. Impulsouse baixo un epígrafe que foi en si mesmo unha proclama a prol de afrontarmos estes desafíos: Novos tempos, grandes oportunidades.
A xornada desenvolveuse este xoves 28 presencialmente na Finca Montesqueiro, no concello coruñés de Oleiros e, en paralelo, no auditorio do edificio virtual de R e do Grupo Euskaltel, o centro The Tech Experience.
Alfredo Ramos, director de R, presentou a Xornada ante un auditorio de preto de 120 representantes empresariais e institucionais: “En R”, explicou, “iniciamos unha nova etapa chea de posibilidades e non perdemos o foco do/da cliente/a, que está a cambiar a súa maneira de consumir” (...) A dixitalización ten que ter sempre un porqué; trátase de mellorar o modelo de relación cos clientes e os procesos de toma de decisións, de empoderar os empregados, achegar valor e aumentar a produtividade e a competitividade”.
Liderando o momento compartido con grandes profesionais e empresarios da comunidade galega, Josep Piqué, experto convidado este ano en calidade de economista, conferenciante internacional en dirección de empresas e conselleiro delegado de diversas compañías tecnolóxicas.

Josep Piqué: “Estamos a vivir unha auténtica revolución”

Josep Piqué nun intre da Xornada Tecnolóxica de R

Esta é a primeira idea que Josep Piqué puxo sobre a mesa de debate, incidindo na necesidade de “deternos en dúas grandes transformacións: a dixital e a ecolóxica”. Comezou o seu relatorio facendo unha profunda reflexión sobre o actual escenario xeopolítico, consecuencia da orde mundial xerada despois da Segunda Guerra Mundial. “Tras décadas nas que o planeta se mantivo dividido en dous grandes bloques, actualmente China eríxese como gran potencia e adversaria sistémica dos Estados Unidos. E ambas disputan as novas tecnoloxías porque, a día de hoxe, a superioridade tecnolóxica é a superioridade militar”.
Dende o punto de vista económico, e en alusión directa ás consecuencias da pandemia, Piqué referiuse ao desaxuste entre a oferta e a demanda, e á diminución da produción en moitos sectores, o que esixe solucións que, en gran parte, poden ofrecer os fondos Next Generation sempre que se conciban coa finalidade de investir e financiar o noso futuro. “Temos que aproveitalos para cambiar o noso sistema produtivo porque non son un maná caído do ceo”. Piqué destacou tamén a importancia estratéxica para as empresas e para os países de investir en tecnoloxía e o papel clave da colaboración público-privada para conseguir a dixitalización de compañías e administracións e non quedar atrás.
Asegurou, así mesmo, que a incidencia da tecnoloxía é total na evolución do escenario
global dende o punto de vista xeopolítico, como así sucedeu sempre ao longo da historia.
“Ou somos dixitais ou o mercado vainos triturar”, asegurou Josep Piqué. Por iso, dixo, “hai que adaptar os procesos e produtos a tecnoloxías como a Intelixencia Artificial ou á utilización de redes de transmisión como o 5G. Cando falamos de dixitalización, falamos da nova materia prima, dun novo petróleo, que son os datos. A xestión dos datos converteuse en fundamental”.

Os grandes desafíos da conxuntura actual

Alfredo Ramos na súa intervención

Josep Piqué uniuse igualmente á mesa profesional Éxito, retos e oportunidades da situación actual, moderada por Xosé Luis Vilela, director de La Voz de Galicia, onde Isidro Fernández de la Calle, director de empresas de R, puxo o acento na importancia das alianzas estratéxicas: “En R somos conscientes de estar a vivir un momento excepcional e unha grande oportunidade. A pandemia acelerouno todo pero en R estabamos moi ben preparados e puidemos acompañar moitas empresas en Galicia e no Norte de España. Imos liderar o mercado de empresas a nivel estatal para o Grupo Masmovil no que nos integramos recentemente. E grazas a iso somos, xa, tamén, operador de móbil con rede propia e unha rede de fibra que cobre 26 millóns de inmóbeis en todo o país”.
Fernández de la Calle referiuse, ademais, á 5G, como outro dos grandes fitos conseguidos e detallou que “R xa cobre actualmente o 50 % de Galicia con esta tecnoloxía e o obxectivo é acadar o 70 % a peche de ano”.
Pola súa banda Eduardo Aldao, director de Innovación de Abanca explicou que a entidade bancaria conseguiu, durante a pandemia “responder e manter a continuidade do negocio grazas, entre outras cousas, ás alianzas con provedores e empresas e ao traballo previo de dixitalización que xa tiñamos avanzados antes da crise”. Aldao puntualizou que na fase actual é necesario seguir traballando baixo as premisas da “axilidade e a aposta por procesos dixitais e de IA a todos os niveis xunto a doses de resiliencia e capacidade de adaptarnos con flexibilidade aos cambios”.
A maiores, Juan Redondo, responsábel de Transformación Dixital de Parfois asegurou que é esencial a alianza con provedores de confianza: “No noso caso iniciamos ese camiño con R e atopámonos cun provedor que nos está a acompañar no noso proceso para crear unha experiencia de usuario que achegue valor (...) A xestión do dato esixe un esforzo e esixe tempo. E queremos transmitir a todas as áreas da empresa, de maneira transversal, esta maneira de tomar decisións co dato como activo clave e as vantaxes que a Intelixencia Artificial nos ofrece. Mais a IA debe ir sempre unida a unha estratexia de compañía”.
Pola súa banda, o director da área de Competitividade do IGAPE, Norberto Penedo, asegurou que a resposta das empresas á revolución 4.0 “foi moi boa dende sempre e o IGAPE tentou acompañalas con axudas para que moitas delas comecen a camiñar”. Coa crise, segundo explicou Penedo, “a entidade seguiu nesta liña, con investimentos e apoios para superar o momento”. A resposta, dixo, “aínda é algo reducida, sobre todo no caso das empresas pequenas, mais os novos fondos poden cambiar moitas cousas e van esixir talento porque con intelixencia artificial mais sen intelixencia humana non imos a ningunha parte”.
Sobre a sustentabilidade das empresas na contorna actual, Beatriz Mato, directora de Desenvolvemento Corporativo e Sustentabilidade de Greenalia falou da concienciación imprescindíbel no desenvolvemento de empresas sustentábeis; entre outras cousas, incorporando as enerxías renovábeis aos seus procesos. Beatriz Mato asegurou que “estamos ante unha necesaria, mesmo obrigada modernización que nos leva a unha nova revolución industrial, con máis tecnoloxía, máis innovación, máis dixitalización, máis enerxía verde e máis economía circular”.
Mato realizou un balance positivo do comportamento de moitos sectores e da sociedade en xeral durante a pandemia e relatou que Greenalia tamén soubo reaccionar nos momentos máis críticos e agora segue a traballar en temas tan perentorios como a redución dos gases efecto invernadoiro.

Experiencias transformadoras: Vegalsa e CLUN

Durante a Xornada Tecnolóxica de R puidemos coñecer de primeira man as experiencias transformadoras de Vegalsa e CLUN. A galega Vegalsa atópase nun proceso de transformación dixital cara a unha organización Data Driven, onde as decisións estratéxicas estean baseadas na análise dos datos co fin de satisfacer máis aos seus clientes.
Así poñía de relevo Alberto Iglesias, responsable pricing de Vegalsa, a importancia da análise e explotación dos datos: “Os datos convertéronse no novo petróleo. Son xa un dos activos máis importantes na economía mundial”.
Pola súa banda, Javier Cabana, director de TI de CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas) falou sobre a Dixitalización en empresas do sector primario e a industria agroalimentaria.

PUBLICIDADE