José Ramón García (Blusens) presidirá o Consello Territorial galego de ASIMELEC
venres, 24 de xullo do 2009

- José Ramón García, CEO da firma compostelá Blusens
A sede da Confederación de Empresarios de Galicia, en Santiago, acolle o vindeiro martes 28 a constitución do Consello Territorial galego de ASIMELEC. O acto de formalización da división noroeste da plataforma, a meirande do sector empresarial TIC español, estará presidido polo conselleiro delegado da firma galega Blusens, José Ramón García, quen dirixirá –precisamente- o dito Consello Territorial. A constitución deste tamén estará apoiada pola Asociación Galega de Empresas TIC, AGESTIC, representada no encontro programado do martes polo seu máximo responsable, José María López Bourio. Asemade, tamén se contará co respaldo da Asociación Galega de Empresarios Instaladores de Telecomunicacións, AGEINTE, entidade presidida por Susana Vila e na actualidade integrada por máis de 400 empresas asociadas que dan emprego a arredor de 8.000 traballadores.
Ámbolos dous presidentes, por certo, pasarán a formar parte da xunta directiva do Consello Territorial “xunto a outros importantes empresarios do sector das novas tecnoloxías e as telecomunicacións en Galicia”, sinalou ASIMELEC nun comunicado. E prosegue, facendo referencia aos obxectivos desta súa división galega: “O Consello que presidirá José Ramón García nace coa finalidade de facer chegar á Xunta as inquietudes do sector e de apoiar ao empresariado galego e ás súas asociacións territoriais integradas, AGESTIC e AGEINCO, nos seus proxectos de medre e espallamento”. Sinalar tamén que ao acto do vindeiro martes tamén está previsto que acudan o presidente e máis o director xeral de ASIMELEC, estando programada previamente unha xuntanza coa secretaria xeral de Modernización da Xunta de Galicia, Mar Pereira, co fin de tratar das políticas sectoriais do goberno galego.
