José Ramón Díaz, xefe de proxectos de Biko, falará en Santiago de métodos para mellorar o deseño de software

xoves, 27 de maio do 2010 Fernando Sarasketa

O seminario sobre boas prácticas na xestión de proxectos que organiza o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) contará coa presenza dalgúns dos máis salientables expertos estatais nos diferentes métodos para mellorar e impulsar iniciativas empresariais do eido informático. Un destes especialistas presentes na xornada (programada para o 17 de xuño no Telecentro de Santiago e con conexión directa cos TCs da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo), será precisamente José Ramón Díaz, xefe de proxectos de Biko e membro de Agile-Spain, quen participará no seminario cun relatorio sobre Os principios áxiles aplicados: Scrum.
Máis polo miúdo, José Ramón Díaz afondará nos segredos de Scrum, “metodoloxía de desenvolvemento onde veremos cómo aplicar os principios áxiles de deseño de software dunha maneira ben concreta”. Segundo informa o propio xefe de proxectos de Biko con motivo de achegar máis datos sobre a súa intervención, a devandita metodoloxía vén a cubrir os posibles ocos que se poidan dar na materialización eficaz de programas. Todo isto a través do emprego das bases de creación máis áxiles: o mellor alicerce para un desenvolvemento satisfactorio para tódalas partes implicadas.
Cómpre sinalar que o seminario conta xa con 44 profesionais inscritos, e a previsión é que a cifra siga a medrar, sobre todo logo de que se elixira como escenario da xuntanza o Centro Multimedia de Galicia, que permite un importante incremento das prazas.

PUBLICIDADE