José María Pousada, director do CUD, será galardoado na XX Noite Galega das Telecomunicacións

luns, 14 de setembro do 2015 Redacción

Un dos premiados na vindeira edición da Noite Galega das Telecomunicacións, a convocatoria número XX, será o enxeñeiro de Telecomunicación e director do Centro Universitario da Defensa (CUD), Jose María Pousada. O galardón vén da man do Colexio Oficial e Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, que quixo recoñecer a contribución de Pousada á difusión das novas tecnoloxías. A Noite celebrarase o 25 de setembro e nela faráselle entrega oficial do Premio Enxeñeiro do Ano 2015. Pousada, profesor da Universidade de Vigo, asumiu en 2099 o reto de pór en marcha o centro universitario da Escola Naval Militar de Marín. Previamente, entre 2003 e o 2009, foi director da Escola de Enxeñaría en Telecomunicación.
O centro adscrito á UVigo do que é responsábel a día de hoxe despediu o pasado mes de xullo a súa primeira promoción de graduadas e graduados. Arestora, o CUD conta con 36 profesores e profesoras, nas súas palabras “moi involucrados no día a día do centro”, no que “todo o mundo está satisfeito cos resultados”, recoñece Pousada, que sitúa na potenciación do labor investigador o seu principal reto de futuro. Neste intre, lembra, estase a rehabilitar o edificio que acubillará os laboratorios para as investigacións do profesorado, que Pousada agarda supoña un “cambio substancial” no labor investigador que xa se vén facendo no CUD.
A andaina do enxeñeiro galardoado coa Escola de Enxeñaría de Telecomunicación comezou en 1991. Ao seu xuízo, este centro está “estreitamente ligado á explosión que viviu naquela década o sector das novas tecnoloxías en Galicia, xa que as diferentes empresas e centros tecnolóxicos nutríronse dunha escola que terá formado a preto de 3.000 enxeñeiros e enxeñeiras”. Pousada desenvolveu neste emprazamento o seu labor investigador, vinculado estreitamente ao ámbito das TIC. Segundo lembra a Universidade de Vigo, formou parte do Grupo de Tecnoloxías da Información e traballou nel xunto con Javier Castaño, Pedro Rodríguez e outros profesores e profesoras en proxectos como o “sistema antimóbiles” que deseñaron en 1998. O grupo tamén foi pioneiro propoñendo en 2002 unha pulseira electrónica para o control dos maltratadores. Asemade, Pousada contribuíu naquela etapa a mudar a face das lonxas galegas, desenvolvendo o prototipo do mando que se emprega actualmente nas poxas electrónicas.
Sobre a gala e o recoñecemento de que vai ser obxecto por parte dos seus colegas de profesión, recoñece que será un acto emotivo que lle vai permitir, entre outras cousas, seguir en contacto cos seus compañeiros. Lembrar que na Noite tamén serán premiados CO2 Smart Tech, Consultores Tecnológicos Industriales de Galicia, Retegal, a asociación Puntogal, as aulas interactivas para a estimulación cognitiva de Down Galicia e o titulado Alberto Rico, gañador do premio Gradiant á mellor tese de doutoramento.

PUBLICIDADE