Jorge Vázquez, fundador de Redegal, abre hoxe en Ourense as sesións #TalentoESEI

xoves, 23 de febreiro do 2017 Redacción

Jorge Vázquez, director executivo da axencia galega, nunha imaxe do xornal La Región

A Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) do Campus de Ourense cumpre 25 anos de andaina neste curso académico 2016/2017 e, para conmemorar esta data, está a organizar o ciclo de conferencias #TalentoESEI. A primeira das intervencións desenvólvese hoxe ás 20.15 horas no salón de actos Marie Curie do Edificio Politécnico. A sesión de apertura virá da man do Jorge Vázquez, emprendedor ourensán amais de fundador, presidente e director executivo de Redegal, empresa local centrada no desenvolvemento de servizos de comercio electrónico e mercadotecnia. A cita contará coa presenza, tamén, de Virxilio Rodríguez, vicerreitor do Campus de Ourense, e de Francisco Rodríguez, director da ESEI.
Redegal, como lembraremos, é unha das nosas empresas do sector TIC máis destacadas, tanto pola súa propia actividade innovadora como polo seu proceso de espallamento no exterior (ten unha forte presenza en América do Sur, en mercados como o de Colombia ou o de México, onde a axencia galega foi recoñecida o ano pasado nos premios eAwards). Jorge Vázquez falará na cita de hoxe cos estudantes das claves do éxito empresarial da compañía que dirixe. Esta conferencia e outras do ciclo serán realizadas no contexto do Foro La Región. O acto desenvolverase en aberto para todas as persoas interesadas.

PUBLICIDADE